O SENDEIRO ECOLÓXICO DO MORRAZO


   
 

O Cámping Municipal de O Beque sitúase no quilómetro 9 (P.K.9) da Senda Ecolóxica do Morrazo, que partindo do lago de Castiñeira (P.K.0) nos guía polas diversas paraxes da comarca Monte Paralaia (P.K.15), en pleno Espazo Natural Protexido do Carballal de Coiro, a coñecida praia nudista de Barra (P.K.34) e o monte Facho (P.K.53), para retornar ó punto de partida pola vertente norte da comarca visitando os montes de Hermelo (P.K.66), Cela, coa súa Igrexa Románica do S.XIII (P.K.71) e a Pastoriza (P.K.75) que nos ofrece unha espectacular vista da ría de Pontevedra coas Illas de Ons ó fondo.







 
       
 
UN ROTEIRO POLA CONTORNA


   
 

Unha vez instalado no Cámping as alternativas de ocio son múltiples e variadas. O regato que discorre paralelo ás instalacións é punto de partida ideal onde comezar un roteiro que nos leva a coñecer o río da Fraga coa súa senda dos muíños baixando dirección Moaña, ou ben, camiñando río arriba, descubrir as fervenzas máis fermosas da comarca.

Se ascendemos e imos escollendo á dereita as bifurcacións do río, chegamos ó seu nacemento no monte Xaxán, o cumio do Morrazo.

Entre Xaxán e o Monte Faro de Domaio esténdese a área de lecer de Chan de Arquiña, un frondoso souto onde propios e estraños facemos, sen case decatarnos, unha viaxe ós tempos dos nosos antepasados admirando o emblemático dolmen que perdura desde hai miles de anos.


 
       
 
PRAIAS A UN PASO


   
 

A praia da Xunqueira , o areal máis extenso do concello moañés, situado na desembocadura do río da Fraga, ofrécesenos como unha boa alternativa, pois dende o cámping, camiñando pola beira do río, nun fermoso paseo dunha hora estamos gozando de sol, mar e area.

Para os máis lacazáns diremos que, grazas a céntrica situación do cámping, en dez ou quince minutos en coche accedemos a calquera das estupendas praias da comarca: as moañesas da Borna, Xunqueira, O Con, Videira ou Niño do Corvo e as canguesas Rodeira, Limens, Nerga,  Barra, Menduíña, Areacova, Areabrava, Castiñeiras… O mesmo tempo lévanos chegar ás praias de Tuia, Agrelo, Portomaior ou Lapamán, en Bueu, ou ben, xa no concello de Marín, a Loira, Aguete, Mogor e Portocelo. Mar e montaña, bosque e praia a un paso.