Como chegar


 
 
     
     
 
CONTORNO


 
 

Situado en pleno canón do río da Fraga, o máis espectacular e caudaloso dos ríos moañeses, o Cámping Municipal de O Beque ofrécenos a oportunidade de gozar do sosego propio deses espazos que semellan estar aí para goce dos sentidos.

Ao chegar, o visitante decátase de que o encanto do lugar fala por si mesmo e de que os adxectivos para describir este enclave que cativa e invita ao retorno constante están de máis, pois coma un meigallo préndese na mirada de cantos ata aquí se achegan.

A sólida estampa do miñato planeando no ceo, o áxil voo do azor sorteando o monte, ou o nocturno canto da avelaiona son mostra de que o bosque atlántico galego aínda perdura aquí. Ancorados á terra, reténdoa con firmeza, medran nas ladeiras que baixan ó río, carballos centenarios de porte impoñente e fermosas formas retorcidas.

A presenza inmediata de ameneiros, salgueiros e bidueiras indícannos a proximidade da auga. A auga é o elemento que define e condiciona a paisaxe do contorno das instalacións.

Flanqueado por dous regatos que conflúen no río da Fraga, o Cámping Municipal do Beque é punto de descanso entre camiñantes que transitan polo roteiro do río da Fraga, o Sendeiro Ecolóxico do Morrazo e cantos ata aquí se achegan a gozar das múltiples actividades de ocio e lecer que ofrecen as instalacións e o seu contorno.

Da pureza destas augas dan testemuña o gaiteiro aliazul que voa inquedo, lanzando brillos metálicos polas ribeiras cubertas de fentos, e a píntega, pequeno anfibio que só atopamos na Galiza, Asturias e Norte de Portugal, en paraxes frondosos onde discorren augas limpas.