Concello de Moaña

Concello de Moaña

Moaña está situada na provincia de Pontevedra, na costa, formando parte da península do Morrazo, orientada de E-O cara á marxe norte da ría de Vigo.

A península do Morrazo é o referente histórico e natural de Moaña. Trátase dun conxunto enmarcado polas rías de Pontevedra e Vigo, comprende cinco municipios pertencentes ó partido xudicial de Pontevedra (Bueu, Cangas, Marín, Moaña e Vilaboa), que se estenden sobre unha superficie de 181.3 km2, dos que 31.5 corresponden a Moaña.

Os asentamentos de poboación localízanse na súa maioría ó longo da franxa costeira e están constituídos por vivendas unifamiliares rodeadas de pequenas hortas. O 55% da poboación vive en núcleos pequenos situados ó longo das vías de comunicación, especialmente en torno á estrada comarcal 551, que discorre ó longo do litoral. Isto é de grande importancia para a vida de Moaña, pois esta estrada vertebra socialmente o municipio, e incide dun modo importante na ordenación do territorio ó servir historicamente de eixo para o asentamento industrial e o sector servizos da marxe norte da ría de Vigo.

Deixando a un lado a concentración antes citada en torno á comarcal 551, existe a característica diseminación propia de Galicia. Pero fronte ós máis de cincuenta núcleos de poboación dos restantes concellos do Morrazo, Moaña conta con 33 entidades de poboación, que se agrupan en catro parroquias administrativas socialmente diferenciadas (Domaio, Meira, Moaña e Tirán). Trátase de núcleos con diferente integración na vida social do municipio e unha intensa vida propia.

A existencia de diferentes portos (Domaio, Meira, Moaña e O Con), de distintas comunidades de índole socioeconómico (mancomunidades de montes de Domaio, Meira e Moaña ou de asociacións de mariscadores ou mexilloeiros) dan viveza a un sentido de pertenza que reactualiza a parroquia como instancia territorial. Este feito maniféstase na organización dos servizos (educación, cultura, sanidade...) establecidos na zona.

As comunicacións co exterior son particularmente boas (para o caso de Galicia, cando menos), pois unha estrada enlaza Moaña con Marín, e esta poboación únese á capital da provincia (Pontevedra) por autovía. A estrada principal da zona (a comarcal 551 que une Cangas con Moaña) ten acceso á marxe sur da ría a través da autoestrada pola ponte de Rande, uníndoa con Vigo. Por outra parte, mantense a histórica liña de barcos de pasaxe que une cada hora Moaña con Vigo. Completan a rede de comunicacións unha intensa malla de estradas locais que penetran no interior máis despoboado.

Bótalle un ollo a ...

Cartel
Cartel
Cartel
Cartel
Cartel
Cartel
Cartel
Cartel