Rechouchíos 2017

Este venres 15 de decembro, no Centro Sociocultural Castroviejo de Tirán, ás 17.00, temos a Tarabelos e o seu espectáculo Sabela e o paxaro máxico.

 

 

Sabela é una nena que ten que aturar os caprichos da súa xefa, un paxariño fantástico que sempre está disposto a axudala, un mago malvado, un ogro cheirento, un príncipe desaparecido, uns reis preocupados...

E todo isto mentres cheira a perfume?

Non pode ser!

Esta narración ilustrada con monicreques de luva e variña está orientada para nenas e nenos a partir dos 3 anos de idade e a súa familia.

.............................................................................................................................................

venres 1 de decembro, no salón de plenos da Casa do Concello, ás 17.00, temos a Atenea García e o seu espectáculo Estrafalaria.

 

Alicia collera por costume escorregar por calquera buraco, sen importante o profundo, escuro ou sinuoso que fose. A Henry déraselle  por beliscar nos libros coma se non houbese mañá. A avoa e papá dicían que os meus amigos eran raros. Mais eu sempre pensei que iso de ser raro é moi relativo. Que dis, apetéceche escoitar as nosas rarezas?

Atenea Garcia, de Xarope Tulú, tráenos a Moaña este espectáculo que combina a narración oral coa manipulación de obxectos onde o público participa activamente no relato. Os personaxes que interveñen na historia caracterízanse pola súa peculiaridade e levan a diferenza como bandeira.

A tolerancia, a solidariedade e a integración son os elementos básicos desta actividade destinada ao público infantil e familiar.

......................................................................................................................................................

O venres 24 de novembro, no auditorio do Centro Sociocultural Rosalía de Castro, Domaio, ás 18.00, temos a Purpurina e o seu espectáculo O pai que non sabía contar contos.

Imaxinade que un día o voso pai esquécese de todos os contos do mundo. Que horror! Como se solucionará este problema?

Este é o dilema que nos presenta Purpurina, unha das integrantes do dúo As Fedellas, neste contacontos destinado ao público infantil e familiar.

...............................................................................................................................................

O venres 17 de novembro, no auditorio do Centro Sociocultural Daniel Castelao, Quintela, ás 18.00, temos a Tanxarina Teatro e o seu espectáculo A Galiña Azul.

Lourenzo ten unha galiña azul con cinco plumas vermellas na á dereita. Unha galiña moi bonita e moi rara: pon ovos de cores! Ademais non di cacaracá como as outras galiñas senón que di cocorocó. E isto ten preocupadas as autoridades.

A Galiña Azul, baseada no conto de Carlos Casares, é un espectáculo que fala da diversidade e da solidariedade, destinado ao público infantil e familiar, no que Tanxarina Teatro emprega diversas técnicas de manipulación de bonecos, traballo actoral, música e cancións.

............................................................................................................................

 

 

 

Mamá Cabra quérenos encher o mundo de notas musicais de cores vivas con cheiro a campo verde, de sons máxicos que darán vida a historias máxicas para compartir en familia.

Gloria acompañada de moitos artistas apaixonados medran a carón dos máis cativos e cativas, con cancións que ao longo destes anos quedaron nas nosas memorias. Esta aventura cumpre este ano o 15 aniversario e vano celebrar connosco.

Mamá Cabra preséntanos o seu novo espectáculo no que fará un percorrido pola historia do grupo e das súas mellores cancións. Un espectáculo diferente cun formato de concerto-teatro no que se amosará unha nova Mamá Cabra disposta a seguir enchendo de ilusión e ritmo os corpos da xente miúda.

Este espectáculo musical está orientado para nenas e nenos a partir dos 3 anos, aínda que é apropiado para toda a familia.

-----------------------

Este venres 9 de xuño, ás 19.00 h, temos unha hora de xogos e cancións con Paco Nogueiras e o seu Brinca Vai! de aquí a acolá na praza do Vinte e Cinco de Xullo no barrio do Rosal.

O músico e actor Paco Nogueiras volve a Moaña cos seus instrumentos nunha divertida viaxe chea de humor, baile e cancións. As alegrías, as amizades, os libros, a poesía, a ecoloxía e o respecto á nosa lingua serán parte da equipaxe. Unha fantástica oportunidade de brincar e pasalo ben cos amigos e amigas nun particular camiño onde a música soa con forma de sorriso.

............................................

 

...e imos camiño de xuño e como os días xa son máis grandiños, o rechouchío deste venres 2 de xuño vai ser ás 19.00 h no parque do Samertolameu, en Meira.

Cé Orquestra Pantasma, a partir do personaxe de home orquestra, ofrécenos un formato musical agarimoso apto para a sensibilidade da primeira infancia. O emprego da voz e a actitude de confianza, o suave e rítmico acompañamento musical do ukelele e do seu trebello sonoro para as costas, e as misteriosas árbores de axóuxeres que acompañan estética e harmoniosamente, conseguen namorar a xente miúda e non tan miúda desde o comezo do espectáculo, que vai estar dividido en dúas partes:

Na primeira parte vainos interpretar cancións do espectáculo Fíos do querer, que é moi dinámico, con cancións para compartir en familia. Inclúe cancións de primeiras palabras como papá, mamá, a teta e outras para xogar e dar bicos de vella nunha orella e outras partes do corpo, facer cóxegas coas formiguiñas, para facer palmiñas miúdas de pulga, grandes de xigante... Este espectáculo foi pensado para nenas e nenos de 0 a 3 anos, pero funciona moi ben ata os 5 anos de idade.

A segunda parte, A xogar, cantar e bailar, é unha continuación da anterior pero cun repertorio máis acaído para nenos e nenas de ata 9 anos. Tamén e moi dinámico, con cancións para xogar, cantar e bailar en familia.

------------------------------------------

 

Este venres 26 de maio, Gloria Mosquera tráenos a Biblioteca Pública Municipal de Moaña, en Quintela, ás 18.00 h: As aventuras de Mamá Cabra: contos que saen dos libros.

 

Gloria Mosquera leva máis de quince anos creando cancións coas que gozas, aprender e cantar coa música do grupo Mamá Cabra e coas que encher o mundo de notas musicais de cores vivas con cheiro a campo verde, de sons que darán vida a historias máxicas. Nesta ocasión e na compañía de Iago Rodríguez, ás teclas e percusións, levaranos polas creacións deste grupo coñecido por crianzas e maiores.

Esta actividade está orientada a partir dos 5 anos de idade.

-----------------------------------------------------

 

Hoxe, venres 19 de maio, Leo Leíño tráenos á Biblioteca Pública Municipal de Moaña, en Quintela, ás 18.00 h, o espectáculo de maxia e humor: Entre libros anda a maxia.

Ilusión, risas e libros xunto coa diversión para toda a familia. Coa participación dos nenos e das nenas que queiran ser axudantes da maga e facer que todos e todas o pasen moi moi ben.

Recomendado para nenas e nenos de 6 a 14 anos.

----------------------------------------

Hoxe, venres 12 de maio, Soledad Felloza tráenos á Axencia de Lectura de Domaio, ás 18.00 h, a narración oral: Unha viaxe ao mundo de Carlos Casares.

O mundo Casares ten galiñas azuis, laranxas máxicas, galos especiais, polbos que percorren as rías no alto dunha dorna, cartas viaxeiras, bicicletas valentes. A través das historias percorreremos un universo creado a partir de feitos cotiás, que se volven máxicos nun intre.

Esta actividade está recomendada para nenas e nenos de 4 a 11 anos de idade.

--------------------

Ai... As Fedellas. Había una vez dúas rapazas que viñan de moi, moi lonxe. Elas chamábanse Purpurina e Brillantina e viñan do mundo dos contos, da fantasía e da imaxinación.

Eran rapazas educadas, elegantes, con saber estar e... algo extravagantes. Vale, extravagantes só ás veces. O que si lles gustaba era contar os contos a súa maneira... e pódovos asegurar que elas teñen un estilo moi persoal.

E co seu estilo persoal van estar en Moaña o vindeiro venres 5 de maio, ás 18.30 h, no edificio multiusos de Meira con A bolboreta Roseta. O espectáculo empeza sempre coa presentación das personaxes (Brillantina e Purpurina) e comezan a contar o conto sempre involucrando o público, tanto o público infantil como o adulto, de maneira que a historia se volva amena e divertida.

A historia complétase con música, trucos de maxia, efectos sonoros e baile.

A bolboreta Roseta é a historia dunha bolboreta que quería ter as súas ás cheas de diferentes cores como o resto das súas compañeiras...

Este contacontos está recomendado a partir dos 3 anos de idade.

 

Este venres 28 de abril, na Axencia de Lectura de Domaio, ás 18.00 h, temos a Talía Teatro que nos traen Rosa Caramelo e outras historias. Trátase dunha comedia infantil, orientada especialmente para nenas e nenos de 4 a 8 anos e as súas familias.

Resumo:

Illada nun xardín, Margarita é a única elefanta do grupo que non consegue que a súa pel sexa da cor rosa caramelo. Cando os seus pais desisten desa idea, descubrirán o significado da liberdade, e abrirá o camino da igualdade para as súas compañeiras.

Un espectáculos para nenos e nenas onde se lle dá a volta a roles e estereotipos de xénero.

Nesta montaxe composta de catro historias nas que se combinan a palabra e a música en directo, tratarase de crear una atmosfera adecuada para demostra unha serie de ideas impostas e simplificads, pero fortemente asumida, sobre actitudes e aptitudes das mulleres e dos homes.

Artur Trillo, dirixido por Paula Carballeira, contaranos as historias de Rosa Caramelo, A historia dos bonobos con lentes, Artur e Clementina e Unha feliz catástrofe, de Adela Turin.

Esta actividade está organizada dentro do Programa Ler Conta Moito da Xunta de Galicia

A entrada é de balde ata completar aforo.