Noticias do departamento.
| Noticia: |
Homenaxe polo centenario de José María Castroviejo .(23/05/2009) A asociación de veciños de Tirán e a Concellería de Cultura rendeu unha homenaxe ao escritor José María Castroviejo con motivo do centenario do seu nacemento e, tamén, para reivindicar a súa figura humana e literaria. O acto comezou no cemiterio da igrexa románica de San Xoán de Tirán, onde está enterrado o escritor, cunha ofrenda. Méndez Ferrín e o poeta cangués Bernardino Graña foron os encargados de portar a coroa de loureiro. Ferrín, previamente, dixo unhas palabras sobre Castroviejo. «Representou durante toda a miña adolescencia de aprendiz de literato e tamén na miña xuventude un referente moi especial, que me cautivou desde ou primeiro texto que lin do, hai xa anos coma a area». Tras a ofrenda, un gaiteiro tocou o himno galego, que cantaron os presentes, entre os que se atopaban varios dos nove fillos do escritor, entre eles, o embaixador de España en Angola, José María Castroviejo Bolívar, a filla deste, Cristina, subdirectora xeral da Consellería de Ordenación do Territorio; Santiago, Ricardo, Concha e María. Estaban tamén presentes o alcalde de Moaña, Xosé Manuel Millán, e o artista cangués Camaño Xestido. A continuación, os asistentes trasladáronse ao centro cultural de Tirán, que leva precisamente o nome de Xosé María Castroviejo, completamente cheo de público. Falaron en primeiro lugar a canguesa Marta Lemos Jorge, autora dun libro sobre a influencia na obra do escritor da súa sensibilidade ecolóxica, e o moañés José Manuel García Trigo. Fixérono a continuación Ferrín e Bernardino Graña, sobre a faceta humana de Castroviejo. O xornalista Salvador Rodríguez encargouse do seu labor xornalístico. Tras un recital de poemas do homenaxeado, actuou a Coral Polifónica de Bueu, interpretando poemas de autores galegos. O acto finalizou cun petisco de confraternidade.
|