Noticias do departamento.

Noticia:

Programa da Semana do Libro e a Lectura de Moaña . Centro Sociocultural Daniel Castelao. Quintela. Do 9 ao 18 de novembro de 2008 (7/11/08)

Desde o día 9 ata o 18 de novembro celebrarase na nosa localidade a Semana do Libro e a Lectura, que terá como eixo fundamental o mar. Como en anteriores edicións, o alumnado dos distintos centros de ensino asistirá aos obradoiros que se celebrarán na biblioteca en horario escolar, poderán visitar as exposicións de libros e ilustradores, tamén se realizarán actividades abertas ao público pola tarde, un curso de animación á lectura e á escrita para docentes, etc

SEMANA DO LIBRO E A LECTURA. O MAR...

MOAÑA. Centro Sociocultural Daniel Castelao. Quintela


INAUGURACIÓN. Domingo 9 de novembro ás 12:30 

MIGALLAS. Canta connosco!

Unha mestura de cancións con accións dramáticas. Os temas que se tratarán son o coidado das mascotas; o consumismo na compra de xoguetes; a lectura como pracer fronte á TV e os videoxogos; a importancia da imaxinación; o xogo do teatro; cancións que axudan a estudar etc.

Sábado 15 de novembro ás 12:30 h

TÍTERES CASCANUECES. A RÚA DAS PANTASMAS

A casa de María está sendo visitada polas pantasmas e ata o mismísimo Demo. Só co enxeño de María e as picardías de Xoanciño lograrán vencelas e desenmascaralas.

OBRADOIROS PARA NENOS E NENAS

Actividades concertadas cos centros de ensino

MÉRCORES 12,  3º DE PRIMARIA

Obradoiro de ilustración. TOKIO

Destacado ilustrador do panorama galego que alén de demostrarnos que hai un mar de maneiras coñecidas de ilustrar, demostrará que hai moitas outras co mesmo fin: que o pasemos ben debuxando e que  vexamos un novo mundo a través da ilustración.

Obradoiro de lingua. REVERSO

O obxectivo deste obradoiro é que o alumnado entre en contacto cos conceptos de esteoreotipos e prexuízos a través de exemplos prácticos facilmente asimilables e que sexan quen de relacionalos co ámbito da lingua.

XOVES 13,  5º DE PRIMARIA

Obradoiro de escrita creativa. LUCÍA RODRÍGUEZ FERNÁNDEZ

O mar é o espazo onde suceden as cousas, un espazo cheo de seres propios da nosa mitoloxía e persoas tan reais e auténticas como os nosos mariñeiros. Nel fusionarase a nosa historia, a realidade e a ficción, construíndo un mundo propio, un mundo diferente e único para cada rapaz e rapaza.

Obradoiro de animación á lectura. ANTÓN CORTIZAS

Este obradoiro ten como obxectivo darlle a oportunidade ao alumnado de manter un contacto directo co “mundo” da creación literaria, e da experiencia do oficio de escribir, pero tamén experimentar diversas actividades que provoquen a creación. Ademais pertendemos que o alumnado vexa o pracer de xogar coas palabras, como forma agradábel de entrarlle ao mundo da fantasía.

VENRES 14,  EDUCACIÓN INFANTIL

Obradoiro de monicreques. Títeres Cascanueces

A través do títere podemos comezar a desenvolver a nosa creatividade, o que levamos oculto dentro e non coñecemos… Crearemos o ambiente preciso para que os cativos experimenten, de xeito sinxelo, as distintas formas de darlle vida e expresividade aos monicreques.

Obradoiro de CONTOS e cantigas. SERVANDO BARREIRO

Este obradoiro consistirá primeiramente en fornecer ao neno ou nena unha variada selección de contos e cantigas, algúns tradicionais e outros de autor, axeitados á súa idade para que mediante a  participación nos mesmos e dando outros modelos, se animen  a contalos e cantalas de forma diferente, ou incluso a elaborar outros orixinais, estimulando así a súa imaxinación e creatividade.

LUNS 17, 1º DE ESO

Obradoiro de Pintura Pop. EDUARDO HERMIDA

A arte Pop é un movemento irónico da pintura que xorde en Norteamérica e Inglaterra nos anos 60. Os seus temas pictóricos están motivados pola vida cotiá, a Coca Cola, a pasta de dentes, a sopa de bote ou os xeados convérsense en iconografías do Pop-Art.

Obradoiro de educación ambiental. TERRANOVA

Os obxectivos fundamentais desta actividade son por un lado que os alumnos comprendan o medio natural desde un punto diferente do que para eles é habitual e, por outro, preténdese tanto sensibilizar os participantes na importancia de manter o equilibrio natural como base da conservación da natureza, como recoñecer os principais factores que alteran este equilibrio.

MARTES 18, 1º DE PRIMARIA

Obradoiro de contacontos. ANXO MOURE

Porque os contos son relatos que collen vida a través dos narradores e porque nos fan soñar e non custan nada, por iso lle damos vida aos contos.

Obradoiro de monicreques. GALITOON

Nesta aula fomentarase un clima de comunicación e socialización entre os nenos/as que lles permita expresar emocións, sentimentos, ideas, pensamentos a través dun títere. Temos como obxectivo conseguir que  o alumnado funcione con eficacia nunha situación comunicativa. Unha maneira de traballar este obxectivo está na dramatización a través dos títeres.

 

ACTIVIDADES ABERTAS AO PÚBLICO. A CONTAR!

De mércores a martes ás 18.00 h.

Mércores 12 de novembro. Benxamín Míguez Novoa

O mar de recordos de cada un sairá flote nunha sesión onde se mesturan a fantasía, o xogo, a irrealidade  e todo coa intención primeira de divertirnos.

Xoves 13 de novembro. Trinke Trinke

Un oceano de contos invadirá as tardes. Só tes que chegar, sentar, escoitar e deixarte levar polo mundo de maxia que che propón este contacontos.

Venres 14 de novembro. Servando Barreiro

Este contador e animador demostraranos como os contos, ademais de contalos, se pode cantalos. Só fai falta imaxinación e ganas de pasalo ben. Animádevos a descubrir outro xeito de oír contos.

Luns 17 de novembro. Pavís Pavós

Mesturaremos contos que terán como protagonistas aos piratas, sereas, monstros mariños... con outros collidos da tradición popular e de contos de nova creación, sen faltar o punto de humor adecuado para xuntos gozar dun mar de contos.

Martes 18 de novembro. Anxo Moure

Anxo Moure  o  “Atrapador de contos”, contador de historias coidadosas coa natureza, de contos para un mundo mellor. Con el reciclaremos contos vellos que valen para tempos novos.

 

ACTIVIDADES COAS FAMILIAS

Mércores 26 de novembro. Ás 18.00 h.

Animación á lectura desde a casa. Pavís Pavós

Proposta para pais e nais de dinámicas de animación á lectura. Falarese da importancia de contarlles contos e lerlles desde as idades máis temperás como forma de estimular a imaxinación e de facer animación previa á lectura cos nenos e nenas. Tamén se dará unha orientación das lecturas máis recomendadas segundo as idades.

 

ACTIVIDADES PARA O PROFESORADO

DE MÉRCORES 12 A MARTES 18 DE 18:00 A 20:00 H.

“Solicitada  a homologación á Consellaría de Educación por 10 horas lectivas”

MÉRCORES 12 de NOVEMBRO. Ronsel de poesía. Marta Dacosta.

Percorrido pola presenza do mar na poesía galega, recalando no tratamento temático que recibiu, con atraques especiais na poesía de Bernardino Graña e de Paio Gómez Chariño. O que queremos comprobar é se o mar está ou non moi presente na poesía galega e que significa o mar nos distintos textos poéticos que o recollen. Botaremos a rede en diversos poemas, desde a Idade Media até a actualidade e comprobaremos se no océano poético existen, e poden ser recollidos, todos os posíbeis significados do mar.

XOVES 13 de NOVEMBRO. Obradoiro de escritura creativa. Antón Cortizas.

Este obradoiro ten como obxectivo facilitar as ferramentas para darlle a oportunidade ao alumnado de manter un contacto directo co “mundo” da creación literaria, e da experiencia do oficio de escribir. Ademais pertendemos que o alumnado vexa o pracer de xogar coas palabras, como forma agradábel de entrarlle ao mundo da fantasía.

VENRES 14 de NOVEMBRO. Obradoiro de expresión teatral. Títeres Cascanueces

Con este obradoiro podemos contribuír a desenvolver a expresividade, as emocións e as habilidades básicas de comunicación entre o alumnado. Aprenderemos as regras básicas para a animación do titere; trataranse temas como  a verticalidade, altura, accións físicas, a ollada...

LUNS 17 de NOVEMBRO. Obradoiro de educacion ambiental. Terranova

A educación ambiental é tanto un tema transversal como unha ferramenta para integrar diferentes contidos do currículum escolar. Pero ademais, a educación ambiental ofrécenos un punto de vista diferente: activo, participativo, crítico... Neste obradoiro abordaremos a educación ambiental en torno ao medio mariño desde a motivación por medio de actividades variadas e, sobre todo, coa disposición de compartir experiencias.

MARTES 18 de NOVEMBRO. Obradoiro de animación á escrita. María Jesús álvarez Fernández

Para contar, un conto. O papel do conto/como contar contos. Contos animados: ler interpretando e interpretar lendo; Ao son das letras: a voz, O corpo tamén conta: a presencia e o xesto. Letras que xogan. Creación de contos, propostas e experiencias prácticas: xogos de imaxinación, letras fantásticas.

A matrícula no curso do profesorado será por rigorosa orde de inscrición até encher prazas.

 

EXPOSICIÓNS PERMANENTES

Exposición de libros cedidos polas editoriais

Entre os mares e mareas de libros sempre está esperando, baixo algunha onda, o  libro da nosa vida, aquel que nos arrastra, que nos fai percorrer mundos descoñecidos, que nos cautiva: o noso libro. Ven navegar con nós nesta semana dos libros, tócaos, míraos, xoga con eles e descubrirás... un mar de sensacións.

Exposición de ilustradoras e ilustradores

-   O rato solteiro. OQO
-   Vai de mar. Galix
-   O camiño de Anxo. Anxo Fariña
-   12 ilustracións para 12 libros. Gabriela Rubio
-   Galiza en Negro e Azul. AS-PG
-   Xabier P. Docampo, tecedor de contos.

Para complementar as historias sen dúbida o aliado ideal é unha boa imaxe. Ven visitar estas exposicións e descubrirás canto dá de si esta mestura ideal

Exposición de materiais elaborados por alumnos e alumnas.

Os materiais das exposicións son o froito dos soños de nenos e nenas. Traballaron arreo para ofrecernos e deleitarnos con cores, formas, tamaños, texturas nas que se recolle un esforzo por contar, eles, a súa pequena historia. A través das súas historias achégannos ao mundo, á súa maneira de ver o noso mundo,  por un día.  Non deixedes de escoitar todo o que nos teñen que comunicar.

Horario de visitas ás exposicións: durante a semana permanecerán abertas de 10 a 14 h. para os centros de ensino, e de 17:00 a 20:00 para o público en xeral

 

 

 

 

<Índice de noticias.